Archive for Outubro 2008

Cultura Clásica: Quinta Semana: A Torre de Hércules envellece de golpe

29/10/2008

Antes foi a Loba Capitolina e a orixe das linguas romances. Agora a Torre de Hércules. Os estudosos do mundo clásico non paran nestes días!

Cando estabamos convencidos de que a Torre de Hércules construírase no II d.C., as investigacións do arqueólogo José María Bello propoñen adiantar esta data nun século. Botádelle un ollo a estes dous artigos de La Voz de Galicia.

Busca máis información acerca da Torre de Hércules e contrástaa cos afirmacións do arqueólogo. En que cres que parará a cousa?

Por outra parte, esta semana irásenos en traballar a democracia en Atenas.

Advertisements

Cultura Clásica: Cuarta Semana

20/10/2008

Boas!

Como a semana pasada fomos bastante lentos, esta semana seguiremos traballando cos mesmos enlaces que tiñamos preparados para ela.

Aínda que para nos foi unha semana pouco produtiva, a que pasou foi unha  excepcional para a arqueoloxía en Roma. Atoparon e difundiron dous importantes restos da Antigüidade clásica, por se non houbese poucos.

O primeiro dos achádegos que vos queremos presentar é a tumba do xeneral Macrinus, que tedes aí abaixo. O tal Macrinus vivíu no século II da nosa era e se premedes na fotografía poderedes ver que tivo unha vida bastante cinematográfica:

A outra noticia é o descubremento do lugar no que foi asasinado Calígula. Este emperador gobernou Roma entre o 37 e o 41 e tivo tamén unha vida axitada, como comprobaredes no artigo.

Sobre estas dúas novas propóñovos un exercicio. A contestación podédela enviar como un comentario a esta anotación.

a) Acerca de Calígula, gustaríame que buscasedes información sobre o seu asasinato. Quen e por que o asasinou? Como se podía asasinar tan facilmente -moitos emperadores morreron da mesma maneira- a persoas con tanto poder? Coincide o lugar que atoparon os arqueológos coa descrición que Suetonio dá nas Vidas dos doce Césares (Calígula, 2ª parte, LVIII)?

b) Sobre a primeira das novas, a tumba de Macrinus, gustaríame que me dixesedes que vos parece a utilización de Gladiator para darlle publicidade ao achado. Coñecedes algún caso semellante de falsificación histórica?

Moita sorte.

A Canción da Semana

15/10/2008


A que todos cantastes algunha vez aquilo de “Sementar, sementarei, loguiño de clarear…” ou “A Carolina ten unha saia cun lagarto pintado…”?
Pois tedes que saber que estas cancións son dun grupo galego dos setenta, Fuxan os Ventos. Pouco antes da morte de Franco, contra 1972, un grupo de rapazas e rapaces que vivían por Lugo reuníuse para cantar en galego. Se non erro, eles serían os primeiros en gravar un disco enteiramente no noso idioma. O disco, co mesmo nome do grupo, saíu en 1976 e a portada é a que tedes ao comezo da anotación.
Nun tempo no que expresarse en galego era difícil e moi arriscado comercialmente, eles abriron o camiño para que detrás foran outros moitos. Déixovos coa versión d’A Carolina que fixeron as cantareiras de Faltriqueira (non desesperedes, que ao final anímase):

Por suposto, verémonos todos este fin de semana en Compostela, onde Fuxan os Ventos volven a reunirse para un concerto, despois de varios anos fóra dos escenarios.

Cultura Clásica: terceira semana

13/10/2008

A semana pasada retrasámonos un pouco falando das colonizacións. Lembrades que arredor da segunda metade do VIII os gregos comezaban a emigrar e fundar novas cidades ao longo do Mediterráneo?

O aumento do comercio que isto supuxo enriqueceu enormemente aos gregos. Para saber como segue a historia:

a) www.kidipede.org/learn/greeks/history/archaic.htm

b) http://www.kidipede.org/learn/greeks/history/classical.htm

Se nos dá tempo, veremos un pouco máis en profundidade a democracia na Atenas do V:

c) http://www.edu.xunta.es/contidos/rede_linguas/?q=node/175

Boa sorte!

IMPERDONÁBEL ERRO!

10/10/2008

O voso marabilloso profesor a veces tamén se equivoca. Por un erro reparábel, na entrada OS IDIOMAS QUE FALAMOS había un link mal feito. Resulta que en lugar de acceder á anotación da Galipedia sobre as linguas romances (que resume a teoría tradicional sobre estas) accedíase ao artigo sobre o lingüista francés e a súa nova teoría. E ninguén me dixo nada durante unha semana!

Menos mal que algo sabiades acerca da orixe das linguas romances. Comprobade que o erro xa está reparado en OS IDIOMAS QUE FALAMOS.

Moi bo fin de semana!

CULTURA CLÁSICA: Segunda Semana

07/10/2008

A semana pasada estivemos falando das cinco etapas principais en que dividimos a historia da Grecia clásica (cinco se contamos o tempo de dominación romana, catro se só contamos o tempo en que Grecia foi unha unidade política independente).
Esta historia comezaba cara o 1200 a.C. coa chegada aos Balcáns dunha tribo indoeuropea, os dorios. Eles destruían a vella civilización micénica, e expulsaban aos antigos poboadores de Grecia, os xonios, cara Asia Menor. Esta nova Grecia estaba en moi mala situación económica, sen apenas comercio e metais preciosos. Tampouco había unha organización política estábel e a comunicación por terra e mar era lentísima.

Seguiremos logo coa historia da Grecia Arcaica e comprobaremos como vai mellorando a situación:
a) http://www.historyforkids.org/learn/greeks/history/archaic.htm

Andaremos despois cara a Grecia clásica:
b) http://www.historyforkids.org/learn/greeks/history/classical.htm
Mais por suposto comezaremos a semana debatindo acerca da orixe das linguas romances, na entrada anterior d’A Terra do Preste Xoán.

Os idiomas que falamos

03/10/2008

Até o de agora a maioría dos estudosos pensaban que as linguas romances proveñen do latín. Un filólogo francés, porén, vén de elaborar unha nova teoría. Para el as linguas romances non derivan do latín, senón do italiano.

Le o seguinte artigo e envía un comentario ao Preste no que expreses a túa opinión sobre o asunto. Fíxate nos seguintes puntos básicos:

a) De onde provén o latín?

b) Como el, á súa vez, deu lugar ás linguas romances segundo a explicación tradicional?

c) Que probas aduce o investigador francés para basear a súa hipótese?

d) Compara a explicación que se ofrece neste artigo coa tradicional.